Sunday 28 de April de 2024

O concello de Ribeira perfila a reapertura de actividades deportivas na Fieiteira


 

O Concello de Ribeira está a perfilar a reapertura das instalacións deportivas do complexo da Fieiteira, sempre supeditada ás medidas preventivas presentes e futuras que se poidan dar durante o proceso de desescalada.

Así, o 1 de xuño é a data marcada para o inicio do groso destas actividades e, en vista das necesidades de distanciamento social, o lugar escollido para o desenvolvemento das mesmas é o interior do pavillón que, cunha superficie de 1.200 metros cadrados, será dividido en tres espazos duns 400 metros: un deporte con bicicleta (spinning, etc.), outro para cardio e outro para as chamadas actividades dirixidas (con monitorado). Ademais, segundo referiu o alcalde durante a súa dación de contas da Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19, tentarase replicar este sistema noutros polideportivos municipais.

O que non ten data de apertura de momento é a piscina municipal xa que só podería ser utilizada por un único usuario por rúa (un número ínfimo tendo en conta a gran cantidade de usuarios que ten) e non se poderían empregar aseos ou duchas. Ante esta circunstancia, o Concello optou por realizar obras de mellora da instalación, principalmente no pavimento do vestiario feminino.

O que si xa abrirá o próximo luns 25 de maio é a pista de atletismo.

Zona azul
Por outra parte, hoxe luns e coa fin de favorecer ao comercio restableceuse a zona azul tras facer unha consulta sobre esta cuestión á Asociación de Empresarios de Ribeira. Non obstante, para dar tempo a que a poboación coñeza esta reanudación, durante os primeiros días a Policía Local será laxa á hora de esixir o cumprimento da obriga de permanecer un máximo de 90 minutos.

Na Comisión tamén se fixo reconto do material entregado ata o momento tanto ao comercio local (1.100 máscaras faciais e unhas 200 mamparas separativas) como á cidadanía en xeral (máis de 40.000 mascarillas).